ORDENANZA FISCAL REGULADORA DA TAXA POLA PRESTACIÓN DO SERVIZO DE AXUDA NO FOGAR NO CONCELLO DE PARADELA.
Artigo 1º.- Obxecto
É obxecto da presente ordenanza fiscal, de conformidade co establecido no art.106.1 da Lei 7/1985, de 2 de abril e os art. 2.1.b e 20.1.b do RD Legislativo 2/2004, de 5 de marzo, a ordenación da taxa pola prestación do servizo de axuda no fogar no Concello de Paradela.
A prestación do servizo de axuda no fogar realizarase nos termos fixados no regulamento aprobado.
Artigo 2º.- Financiamento do servicio
O financiamento do servizo de axuda no fogar realizarase con cargo ás achegas do Concello, subvencións doutras administracións públicas e a taxa que corresponde satisfacer polas persoas usuarias.
Artigo 3º.- Contía da taxa
A contía da taxa virá determinada pola cantidade resultante de aplicar ao custo por hora do servizo dunha tarifa.
O custo por hora do servizo que vén determinado polos gastos derivados da contratación de persoal necesario para a súa prestación (salario + seguridade social), fíxase na cantidade de 10 euros / hora, de luns a venres e 12 euros/hora, os fins de semana.
A valoración da capacidade económica das persoas destinatarias do servizo, determinará a porcentaxe do custo/hora do servizo que deben satisfacer pola prestación do mesmo.
En función das súas posibilidades económicas establécense dous grupos:
-Exentos de pagamento.
-Pagamento porcentual.
Artigo 4º.- Cálculo da capacidade económica
a) Para os efectos de este artigo considérase persoa usuaria aquela para a cal se solicite o servizo. No caso de intervención con familias, entenderase como persoa usuaria un dos membros adultos da unidade de convivencia responsables dos menores que formen parte de ela.
b) A capacidade económica das persoas usuarias do SAF calcularese en función á sua renda, e se é o caso, ao seu patrimonio. Teránse en conta, ademáis as persoas conviventes económicamente dependentes, de acordo co establecido nos parágrafos seguintes:
c) A renda valorarase atendendo aos ingresos netos que se perciban, que comprenderán os rendementos de traballo, incluídas pensións e prestacións de previsión social calquera que sexa o seu réxime; os rendementos de capital mobiliario e inmobiliario; os rendementos de actividades económicas e as ganancias e perdas patrimoniais.
d) Para o cómputo do patrimonio estarase ao disposto na normativa fiscal en vigor sobre patrimonio, entendéndose por tal o conxunto de bens e dereitos de contido económico de que sexa titular a persoa usuaria do servizo, con dedución das cargas e gravames que disminúan o seu valor, e así como das débedas e obrigas persoais das que deba de responder. Considéranse exentos do cómputo a vivenda habitual na que se preste o servizo e os bens e dereitos cualificados como exentos na normativa aplicable sobre o imposto do patrimonio. Nos supostos de cotitularidade, só se terá en consideración a porcentaxe correspondente á propiedade do beneficiario.
e) No caso de que a persoa usuaria tivese cónxuxe ou parella de feito, as rendas de ambos os dous terán a consideración de rendas computables, entendéndose neste caso por renda persoal a metade da suma dos ingresos de ambos os dous membros da parella.
f) A capacidade económica por razón de renda determinarase dividindo a renda ou rendas computables, de acordo co número anterior, entre a suma dos seguintes convivintes: o perceptor ou perceptores de rendas computadas e, se é o caso, o cónxuxe e os ascendentes ou fillos/as menores de 25 anos, ou maiores desta idade en situación de discapacidade, que dependesen economicamente dos citados perceptores.
g) A capacidade económica resultante será a correspondente á renda da persoa usuaria, calculada de acordo cos apartados anteriores, modificada á alza, se fose o caso, pola suma dun 5% do valor do patrimonio neto que supere o mínimo exento para a realización da declaración do imposto sobre o patrimonio en vigor a partir dos 65 anos de idade, dun 3% dos 35 aos 65 anos e dun 1% aos menores de 35 anos.
h) Para o cómputo da renda ou do patrimonio teranse en conta os datos correspondentes á última declaración fiscal dispoñible ou pensión coñecida.
Artigo 5º.- Repercusión da taxa sobre as persoas usuarias do servicio
1.-No caso de que a capacidade económica mensual da persoa usuaria sexa igual ou inferior ao IPREM en vigor quedará exenta da obriga de participar no custo do servizo.
2.- Para o resto dos supostos deberase respectar a seguinte escala:
a) As persoas usuarias cunha capacidade económica mensual superior ao 100% e e inferior ou igual ao 150% do IPREM, asumirá o 10% do custo do servizo.
b) As persoas usuarias cunha capacidade económica mensual superior ao 150% e inferior ou igual ao 200% do IPREM, asumirá o 12% do custo do servizo
c) As persoas usuarias cunha capacidade económica mensual superior ao 200% e inferior ou igual ao 250% do IPREM, asumirá o 15% do custo do servizo
d) As persoas usuarias cunha capacidade económica mensual superior ao 250% e inferior ou igual ao 300% do IPREM, asumirá o 20% do custo do servizo
e) As persoas usuarias cunha capacidade económica mensual superior ao 300% e inferior ou igual ao 350% do IPREM, asumirá o 28% do custo do servizo
f) As persoas usuarias cunha capacidade económica mensual superior ao 350% e inferior ou igual ao 400% do IPREM, asumirá o 37% do custo do servizo
g) As persoas usuarias cunha capacidade económica mensual superior ao 400% e inferior ou igual ao 450% do IPREM, asumirá o 45% do custo do servizo
h) As persoas usuarias cunha capacidade económica mensual superior ao 450% e inferior ou igual ao 500% do IPREM, asumirá o 60% do custo do servizo
i) As persoas usuarias cunha capacidade económica mensual superior ao 500% do IPREM, asumirán o 65% do custo do servizo
3.- Sen prexuízo do establecido no punto anterior, poderán contemplarse excepcións aos criterios xerais nos casos nos que a problemática principal atendida sexa relativa á desestruturación familiar e se procure a protección e integración social de menores de idade en risco de exclusión, mediante resolución motivada do órgano competente para acordar a concesión do servizo, da que en todo caso deberá deixarse constancia no correspondente expediente.
Artigo 6º.- Obriga de pagamento da taxa
A obriga de pagamento da taxa regulada nesta ordenanza nace dende que se inicie a prestación do servizo e o seu cobramento realizarase cunha periodicidade mensual.
As liquidacións correspondentes practicaranse mensualmente nos primeiros quince días do mes seguinte á prestación do SAF, na entidade bancaria que a persoa usuaria establecera para tal efecto.
As débedas derivadas da falta de pago da taxa serán esixidas de conformidad co disposto na lexislación tributaria, polo procedemento administrativo de constrinximento.
Disposición derrogatoria
Queda derrogada a ordenanza fiscal reguladora da taxa pola prestación do servizo de axuda no fogar no Concello de Paradela, publicada no B.O.P. nº 45 de 23 de febreiro de 2002.
Disposición final
A presente ordenanza fiscal reguladora da taxa pola prestación do servizo de axuda no fogar entrará en vigor a partir lo día seguinte á súa publicación íntegra no Boletín Oficial da Provincia e permanecerá en vigor ata a data da súa derogación parcial ou total.
Paradela, 12 de maio de 2009
O Alcalde-Presidente,
Asdo.: José Manuel Mato Díaz.




