San Facundo de Ribas de Miño

Mosteiro de San Facundo de Ribas de MiñoO conxunto de San Facundo de Ribas de Miño, que foi declarado monumento de interese nacional no ano 1982, está formado polo templo parroquial e a casa reitoral.

 

Foi restaurado durante o ano 1997, recibindo en 1998 o Primeiro Premio do Colexio de Arquitectos de Galicia como mellor proxecto de restauración realizado na Comunidade Autónoma. Con este galardón recoñecese o carácter orixinal da actuación realizada, en base a un proxecto dos arquitectos Alberte González Rodríguez e Jorge Salvador Fernández.

 

Sendo a arquitectura notable, máis o é o entorno: rodeado de viñedos que baixan polas ladeiras do monte da Trapa ata o río Miño. Outro dos atractivos do lugar é que hai un embarcadoiro para o catamarán.

 

Mosteiro de San Facundo de Ribas de MiñoAfirma D. Ricardo López que a bóveda da igrexa de San Facundo de Ribas de Miño é a primeira manifestación do estilo gótico na Península Ibérica; está constituída por seis robustos arcos de pedra, que converxen nunha clave colocada a só 5,30 m de altura.

 

San Facundo é fundado en torno ó ano 1120 e nace coa vocación de acoller ós peregrinos que viaxaban a Santiago. A historia deste conxunto comeza cando cara o ano 1116 Dona Urraca, raíña de León e Castela, nun dos seus temperamentais arrebatos decide cortarlle a fonte de ingresos que supoñían os peregrinos ó Arcebispo Xelmírez e derruba a ponte de Portomarín sobre o río Miño, camiño francés a Compostela.

 

Os monxes beneditinos, entón, instálanse onde o Miño amansa a corrente para cruzar en barcas ós peregrinos que van e veñen de Santiago, fundando o mosteiro en torno a 1120. Neste ano, Pedro o peregrino volve levantar a ponte de Portomarín, converténdose así San Facundo no refuxio daqueles viaxeiros que non podían pagar o pontazgo de Portomarín e que pasaban a noite na igrexa.