• 04 Jul 13

TROITAS NO RÍO LOIO

A Consellería de Medio ambiente en colaboración co Concello de Paradela acaba de realizar unha solta de troitas para repoboar o Río Loio, foron 1000 exemplares: 800 alevines de 5 cm aproximadamente e 200 de máis de 15 cm. Estas actuacións enmárcanse nas accións de conservación do Espazo Natural de Interese Local Loio-Ruxidoira.

 

Os espazos naturais de interese local son lugares singulares que merecen algún tipo de protección dos seus valores naturais. O ENIL Loio-Ruxidoira abarca unha superficie de 437 hectáreas en torno ao río Loio, un río moi coñecido polos pescadores pola súa calidade e cantidade das súas capturas.

 

A maior parte do ENIL está ocupada por bosques de especies autóctonas, que son bosques maduros e equilibrados que favorecen a biodiversidade e son refuxio dun gran número de especies de fauna e flora. Hai estudios que sinalan ata 22 especies protexidas por algunha Directiva Europea, entre as que destacan varias especies endémicas de Galicia e da Península Ibérica, así como numerosas especies recollidas no Catálogo Nacional de Especies Ameazadas ou no Catálogo Galego de Especies Ameazadas e outras recollidas na Lista Vermella dos Vertebrados de España.

 

O sendeiro PRG-14, coñecido como Ruta do Loio e homologado pola Federación Galega de Montañismo, que conta coa sinaléptica habitual dos rutas de sendeirismo é a mellor maneira de realizar unha primeira aproximación ao ENIL e coñecer ademais varios muíños, os restos do mosteiro de Sta. María de Loio e abundante patrimonio etnográfico a través do que coñecer a historia do lugar: viñedos nas Cortes, casas de fidalgos como a de Celmán ou lugares privilexiados para entender o que supuxo o encoro de Belesar para Portomarín como o miradoiro de Cabodevila…etc. En definitiva, natureza e historia para pasar un día de lecer.