• 16 Jun 14

NO QUE VAI DE ANO AUMENTOU A CIFRA DE PEREGRINOS UN 8% E OS INTERNACIONAIS SUPOÑEN O 62,83% DOS QUE RECOLLEN A COMPOSTELA

En total chegaron dende o 1 de xaneiro 63.541 peregrinos, 4.745 máis que o ano pasado no mesmo período. O 67,89% deles percorreron o Camiño Francés.

Os representantes dos Itinerarios Culturais de Europa –entre eles a directora do Instituto Europeo de Itinerarios Culturais, Penelope Denu- que participan no Summer Seminar 2014 realizaron hoxe un tramo do Camiño Francés e visitaron a Ribeira Sacra.

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, así como os alcaldes de Paradela, Portomarín, Pantón e o presidente do Consorcio de Turismo Ribeira Sacra, realizaron o percorrido entre As Rozas e Portomarín acompañando á delegación deste seminario internacional.

O Camiño de Santiago é o Primeiro Itinerario Cultural Europeo e Galicia acolle este encontro no marco dos actos conmemorativos do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago.

 

Paradela (Lugo), 14 de xuño de 2014.- A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro Domínguez e mais o alcalde de Paradela, José Manuel Mato; o alcalde de Pantón, José Luís Álvarez; o alcalde de Portomarín, J. Carlos Serrano e mais o presidente do Consorcio de Turismo Ribeira Sacra, Juan Carlos Armesto realizaron un tramo do Camiño de Santiago, entre As Rozas e Portomarín acompañando aos representantes dos itinerarios culturais de Europa que estes días e, no marco das actividades do Summer Seminar 2014 que se celebra en Santiago entre os días 12 e 16 de xuño, están a coñecer diversos aspectos da Ruta Xacobea, así como de Galicia como destino turístico.

 

No percorrido participou tamén a directora do Instituto Europeo de Itinerarios Culturais, Penelope Denu, que puido percorrer este tramo do Primeiro Itinerario Cultural Europeo.

 

No que vai de ano percorreron o Camiño de Santiago un total de 63.541 peregrinos. A cifra supera en 4.745 peregrinos aos recibidos o ano pasado nas mesmas datas, isto é un 8% máis que en 2013 dende o 1 de xaneiro ao 13 de xuño. Deles, un 62,83% son estranxeiros. Os peregrinos internacionais que recolleron a Compostela no que vai de ano na Oficina de Acollida ao Peregrino de Santiago suman 39.923.

 

As cifras revelan a proxección internacional da Ruta Xacobea que en todo o ano pasado rexistrou peregrinos procedentes de 157 países.

 

O percorrido por este tramo do Primeiro Itinerario Cultural Europeo no marco das actividades sociais do Summer Seminar 14, organizado en colaboración co Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra foi un xeito de amosar aos responsables dos itinerarios culturais así como do Instituto Europeo de Itinerarios Culturais do Consello de Europa algúns dos enclaves máis singulares do Camiño Francés, como é o seu paso por esta zona da Ribeira Sacra.

 

A xornada incluíu ademais do tramo de seis quilómetros tamén unha visita a Portomarín, Belesar e mais unha degustación gastronómica e vitivinícola, de modo que os participantes puideron coñecer algúns dos recursos e produtos máis atractivos do destino. Ao tempo, realizaron unha ruta en catamarán ata Maiorga, en Pantón, podendo admirar unha vista singular deste territorio.

 

De igual modo, os integrantes da delegación desprazáronse a Ourense co obxectivo de coñecer a potencialidade termal da cidade no marco da Ruta das Vilas Termais de Europa. Onte, os membros do Summer Seminar visitaron unha adega nas Rías Baixas, visita enmarcada tamén noutra dos Itinerarios Culturais Europeos con presenza en Galicia, o Iter Vitis.

 

Nestas xornadas de traballo, así como nas diversas actividades sociais que forman parte do programa participan representantes de diversos itinerarios que, como o Camiño de Santiago, contan coa declaración de Itinerario Cultural Europeo, así como representantes de itinerarios culturais que están a traballar para conseguir o citado recoñecemento a nivel europeo. A declaración do Camiño de Santiago como Primeiro Itinerario Cultural de Europa data de 1987 e supuxo un importante recoñecemento internacional e proxección para a Ruta Xacobea e os territorios que atravesa.