• 14 Aug 14

A EXPOSICIÓN MANUEL RODRIGUEZ LÓPEZ, NA CASA DA CULTURA DE VILALBA

A exposición “MANUEL RODRÍGUEZ LÓPEZ, emigrante galego-poeta obreiro”,chega á Casa da Cultura vilalbesa, onde será inaugurada o próximo xoves, día 14, nun acto que presidirá o Alcalde de Vilalba, Gerardo Criado. A mostra, que forma parte do proxecto do mesmo nome, é unha iniciativa de GaliciaDigital, coa colaboración do Concello de Paradela e a familia do escritor, apoiada pola Xunta de Galicia, Deputación Provincial, Concello de Lugo e Real Academia Galega. E, nesta ocasión, tamén polo concello de Vilalba.

 

É unha mostra itinerante formada por 8 paneis dobles, na que se reflicte a vida, obra e actividade xornalística e social do escritor nado en Paradela, que escribiu a maior parte da súa obra na emigración catalana, e que o seu concello natal ten declarado Fillo Predilecto, deulle o seu nome á Casa da Cultura, e ten instituido un certame na súa honra que vai chegar á XX edición.

 

Que esta exposición veña agora a Vilalba, precisamente cando se vai fallar a XL edición do seu certame literario, é un xeito de irmandar e resaltar a afinidade de dous concellos lucenses con certame literario propio, nos que a mesma institución municipal edita as obras premiadas nun libro. Esta exposición comezou o seu percorrido hai un ano en Paradela, pasando por Lugo, Begonte, Sarria, Portomarín e Santiago. En setembro viaxará a A Coruña (Biblioteca Nodal e Real Academia Galega), e en outubro a Barcelona, onde o escritor homenaxeado foi o cronista das actividades dos galegos en Cataluña, e o contacto permanente entre os galegos do exterior e os do interior.

 

Participarán no acto inaugural, o Alcalde de Paradela, José Manuel Mato; a viuva, fillos e neto do escritor; o director de Galicia Digital, Antonio Giz e o alcalde de Vilalba, Gerardo Criado. O cantautor Alfredo González Vilela, lucense de Becerreá afincado en Barcelona, interpreterá cancións con letra de Manolo Rodríguez, e o violinista galego residente en Bristol (Reino Unido), de 15 anos de idade, neto do homenaxeado, Carlos Rodríguez Otero, interpreterá pezas ao violín. A mostra permanecerá aberta ata comezos do próximo mes de setembro.

 

Información sobre MANUEL RODRÍGUEZ LÓPEZ pode obterse na web www.manuelrodriguezlopez.org, onde tamén figura o contido dos paneis desta exposición.