• Galego
  • Español

Directrices para a xestión do espazo natural

Usted está aquí

De seguido indícanse as directrices que se deben seguir para garantir a conservación e protección do ENIL Loio-Ruxidoira en relación cos seus recursos naturais, o seu uso público, as infraestruturas e equipamentos que se instalen e as actividades científicas e educativas que se desenvolvan.

Directrices en relación cos recursos naturais

As directrices que deben rexer en relación á ordenación dos recursos naturais preséntanse agrupadas en función do recurso natural a protexer.

A.1 Flora e fauna

  • Estableceranse medidas de protección e uso sostible das masas de frondosas mediante a inscrición das mesmas no Rexistro de Masas Consolidas de Frondosas Autóctonas.

  • Estableceranse tamén medidas de protección e conservación das formacións vexetais e das especias propias de ribeira.

  • Estableceranse as medidas necesarias para evitar as alteracións da cuberta vexetal que poidan repercutir negativamente na protección dos solos fronte á erosión superficial, a regulación hídrica e los valores paisaxísticos da zona que forma parte do ENIL.

  • Aplicaranse medidas de protección e conservación da flora e da fauna endémica, rara ou ameazada identificada durante os traballos de campo desenvoltos no marco da elaboración da presente Norma, evitando en todo caso a plantación e difusión de especies invasoras.

  • Respecto ás especies invasoras, tenderase á eliminación progresiva das actualmente existentes dentro dos límites do ENIL.

  • Preservaranse os refuxios das especies de fauna presentes no ENIL, tales como os muíños e covas naturais.

  • Co fin de recuperar os usos tradicionais, potenciarase, na medida do posible, a recuperación dos antigos viñedos para a súa posta de novo en produción.

  • Dentro dos límites do ENIL, permitirase a rehabilitación e adecuación de estruturas, xa existentes, asociadas a explotacións agrícolas, forestais ou gandeiras tradicionais, podendo empregarse os terreos de mato e prado naturais de cultivo para pastoreo, de xeito que poidan servir de aproveitamento para calquera tipo de explotación que se atope adxacente a este ENIL

A.2 Auga

  • As zonas de solo rústico de protección de augas rexeranse polo disposto no Plan de Ordenación Municipal de Paradela, segundo o punto 4.5 da Memoria Xeral do citado Plan de Ordenación.

A este respecto, cabe destacar que o réxime de concesión de autorizacións e concesións será o recollido na Lei de Augas (Real Decreto – Lei 4/2007, de 13 de abril, polo que se modifica o texto refundido da Lei de Augas, aprobado polo Real Decreto Lexislativo 1/2001, de 20 de xullo) e o Regulamento do Dominio Público Hidráulico (Real Decreto 849/1986, de 11 de abril, polo que se aproba o Regulamento do Dominio Público Hidráulico, que desenvolve os Títulos Preliminar, I, IV, V, VI e VII da Lei 29/1985, de 2 de Agosto, de Augas).

  • Cómpre tamén destacar que para a redacción da presente Norma de Conservación tívose en conta a planificación hidrolóxica que existe na conca (Plan Hidrolóxico Norte I).

  • En calquera caso, preservaranse as marxes do río e os regatos, restaurando aquelas zonas que resulten danadas ou que sufran alteracións significativas por actuacións e usos inadecuados.

  • Ademais, anteporanse o mantemento da calidade da auga e os seus valores ecolóxicos aos usos recreativos.

  • Así mesmo, conservaranse ou restauraranse os muíños así como outros elementos do patrimonio culturais presentes na área abarcada polo ENIL.

A.3 Xeoloxía e morfoloxía do solo

  • Os xacementos, areeiras, vertedoiros, canteiras e demais elementos de incidencia espacial, estarán totalmente prohibidos.

A.4 Paisaxe

  • A paisaxe é un dos principais valores naturais do ENIL, polo que é fundamental conservala, protexela e rexenerala na medida do posible. Isto implica aplicar criterios de mínimo impacto sobre todas as actuacións que se desenvolvan no ENIL e modificar aquelas infraestruturas que teñan consecuencias negativas sobre os valores naturais do espazo.

  • Velarase polo mantemento do ENIL libre de lixo e vertidos incontrolados.

  • Procurarase que os tendidos eléctricos e liñas telefónicas causen o menor impacto posible na paisaxe, e na medida do posible, serán substituídos por conducións subterráneas.

  • Os elementos de sinalización ou calquera elemento que se instale no ENIL, deberá integrarse no medio natural, de xeito que cause o mínimo impacto.

A.5 Elementos do patrimonio artístico-cultural

  • Velarase sempre pola protección e conservación dos elementos artístico-culturais presentes no ENIL, tales como muíños, caneiros, pontes, fontes e todo tipo de construción rural tradicional presente.

  • Desenvolveranse actuacións de difusión dos elementos do patrimonio-cultural presentes no ENIL.

  • Prestarase atención a que as accións de mantemento e conservación destes elementos non alteren a súa función en tanto que refuxio para a fauna.

Directrices en relación co uso público

  1. Teranse en conta as zona de servidume e de policía do río Loio durante a planificación de actuacións dentro do ENIL, tal e como se establece na Lei de Augas e no Real decreto 849/1986.

  2. Co fin de facilitar o acceso ao ENIL, as vías de entrada manteranse libres de obstáculos que impidan a súa utilización por parte da poboación xeral.

  3. Realizaranse as actuacións necesarias para asegurar que a ruta de sendeirismo PR G 14 Ruta do Loio sexa transitable en todo o seu percorrido.

  4. En todas as actuacións e actividades que se planifiquen, terase en conta a necesidade de compatibilizar o uso público coa conservación.

  5. Deseñaranse actuación de difusión da ruta co fin de promover o uso recreativo do ENIL por parte da poboación sempre e cando se cumpran as normas de mínimo impacto sobre os seus valores naturais e patrimoniais.

  6. Facilitarase o uso do ENIL para a realización de actividades de educación medioambiental, especialmente as desenvoltas por grupos de carácter social, tales como escolas, centros de terapia ocupacional ou grupos de persoas voluntarias

  7. Implicarase ás asociacións e agrupacións locais en todas as actividades que se realicen dentro do ENIL co fin de espertar o interese polo ENIL co fin de que estas actúen como elemento dinamizador dos seus valores naturais e dos usos tradicionais do espazo.

Directrices respecto ás infraestruturas, equipamentos e instalacións

  1. Prohibirase a colocación de obstáculos físicos na canle do río Loio que poidan afectar negativamente ao movemento das especies de peixes migradoras.

  2. Regularase a instalación de calquera tipo de infraestrutura e equipamento dentro do ENIL co fin de que se cumpra sempre o criterio de mínimo impacto e de integración visual coa contorna.

  3. Estudarase a eliminación das estruturas artificiais, instalacións, equipamentos e construcións abandonadas. No caso de que non poida procederse a dita eliminación, avaliaranse posibles solucións para conseguir unha maior integración na contorna, para o que demandará a aprobación e colaboración das persoas propietarias.

  4. Adecuaranse as infraestruturas e equipamentos da ruta de sendeirismo PR G 14 Ruta do Loio a medida que se vaia producindo o desgaste das mesmas. En todos os casos, respectaranse as indicacións recollidas no Decreto 138/2008, de 22 de maio, polo que se regula a sinalización turística de Galicia.

Directrices para as actividades científicas

  1. Velarase para que as actividades científicas que se desenvolvan no ENIL sexan compatibles coa conservación dos valores naturais do espazo.

  2. Promoveranse actuacións de estudo e recuperación dos usos tradicionais do ENIL.

  3. Apoiaranse e facilitaranse as investigacións científicas que contribúan a un maior coñecemento da riqueza en valores naturais do ENIL.

Directrices para as actividades educativas

  1. Velarase para que as actividades educativas que se desenvolvan no ENIL sexan compatibles coa conservación dos valores naturais do espazo.

  2. Fomentarase o desenvolvemento de actividades de carácter ambiental por parte da poboación e de diversos colectivos sociais.