• Galego
  • Español

Valores Naturais: A Fauna

Usted está aquí

A fauna xoga un papel fundamental na importancia e o funcionamento do Espazo Natural. Estes espazos son áreas protexidas de ámbito local que solen ser designadas para conservar a biodiversidade e os recursos naturais dentro dunha comunidade ou rexión específica. A fauna presente no ENIL, desempeña varios roles clave nestes contornos.

A presencia dunha variedade de especies animais enriquece o ecosistema e é indicativa da súa saúde. A biodiversidade é esencial para manter a estabilidade e a resiliencia dos ecosistemas. Dentro do noso ENIL podemos atopar unha gran variedade de especies que cada unha delas participa en complexas redes de interaccións ecolóxicas, como a polinización, a dispersión de sementes, a regulación de poboacións de insectos e a cadea alimentaria. Estas interaccións son fundamentais para o funcionamento equilibrado do ENIL e a saúde dos seus ecosistemas.

No caso da avifauna, este espazo non se pode considerar illado do seu entorno inmediato. O conxunto de agrosistemas do concello de Paradela, que forman parte da unidade de penichairas do centro-sur de Lugo, conforman unha representación apreciable de hábitats de campiña tradicional con gran diversidade paisaxística, albergando un alto número de especies de aves. Igualmente, a presencia dunha masa de auga encorada e de pequenos cantís rochosos nas súas beiras, aporta refuxio para algunhas especies especialistas nestes hábitats. Sen dúbida, moitas das especies que atopan refuxio na área do ENIL, campean polas paisaxes de campiña e beiras do encoro para atopar o seu sustento vital.

Imaxen. Algunha das aves que podemos atopar no ENIL;

Coturnix coturnix

Cyanistes

Accipiter gentilis

Se temos en conta os agrosistemas e hábitats de campiña da contorna do espazo, a importancia ornitolóxica increméntase e atopamos unha boa representación de especies ligadas ao medio agrario ou propias de espazos abertos. Moitas destas especies na actualidade están en declive e presentan un estado de conservación desfavorable. O mantemento destes hábitats, con prácticas agrogandeiras sostibles e o mantemento dos elementos paisaxísticos tradicionais (sebes, muros e valados de pedra, bosquetes culturais, etc...) é indispensable para o mantemento da rica comunidade de aves que albergan.

En canto a conservación do ENIL o mantemento das árbores de gran porte é fundamental para a conservación das rapaces aniñantes na zona. Igualmente, o mantemento de amplas zonas de bosque sen intervención, con dispoñibilidade de madeira morta e árbores con distintos estados de desenvolvemento é moi favorable para a conservación dunha rica comunidade de aves forestais. O mantemento e recuperación dos escasos hábitats agrarios existentes na actualidade incrementaría a diversidade de hábitats dispoñibles na zona e favorecería a diversidade de especies de aves.

Pernis apivorus en madeira morta

 

De entre tódalas especies de anfibios, destaca a elevada presenza de Rana iberica, ra dos regos, dentro do ENIL. Como o seu nome en galego reflexa, adoita vivir en ríos e regatos, sendo unha especie abundante e común en Galicia pero incluída no Catálogo Galego de Especies Ameazadas na categoría de vulnerable debido á ameaza das súas poboacións a nivel estatal. Destaca a observación de tritón común, Lissotriton boscai, preto de Suar. Esta especie precisa de charcas ou regos estables para poder reproducirse pero dentro do ENIL este tipo de hábitats é moi escaso, polo que se propón a creación dunha zona húmida onde foi atopada esta pequena poboación para así favorecer a súa presenza e posible expansión.

Tamén no referido ós anfibios, destaca a escaseza de exemplares atopados no encoro de Belesar. Este feito parece deberse á enorme fluctuación no nivel da auga durante todo o ano, que evita a presenza de vexetación acuática que permita a presenza de anfibios. Do mesmo xeito, a presenza de especies invasoras de peixes, como é o caso do blackbass, Micropterus salmoides, que depreda sobre as

poboacións de anfibios e réptiles da zona producindo a súa extinción.



Blackbass

Micropterus salmoides

No caso dos réptiles, destaca a presenza dunha ampla diversidade de especies ligadas ós hábitats máis abertos do ENIL, concretamente nas zonas de prados e monte baixo, especialmente aqueles rodeados con muros en bo estado de conservación que lles permiten ter refuxio e zonas de asollamento.

Un grupo de mamíferos presentes no ENIL e que representan o segundo grupo de mamíferos máis diverso a nivel mundial son os morcegos. Son un grupo de gran importancia nas políticas de conservación da natureza na Unión Europea: todos as súas especies atópanse incluídas no Anexo IV (especies animais e vexetais de interese comunitario que requiren unha protección estrita) da Directiva 92/43/CEE do Consello, do 21 de maio de 1992, relativa á conservación dos hábitats naturais e da fauna e flora silvestres (Directiva Hábitats) e un bo número no Anexo II (especies animais e vexetais de interese comunitario para cuxa conservación é necesario designar zonas especiais de conservación).

Non hai que esquecer que ENIL inclúe tamén o río Loio e os seus bosques de ribeira nos cales existen tamén unha gran diversidade de refuxios e estruturas, caracterizadas pola dinámica da auga, ademáis de ofertar un excelente lugar de alimentación.

Os morcegos pódense agrupar pola súa ecoloxía e o tipo de refuxios diúrnos que soen ocupar.

Denominándose cavernícolas os que usan refuxios subterráneos, como covas e minas abandonadas, normalmente as construcións humanas poden presentar unhas condicións similares a covas ou minas.

Os morcegos arborícolas son os que utilizan árbores como refuxio diúrno e aos que utilizan fendas denomínanse morcegos fisurícolas. Non todos os morcegos usan un só tipo de refuxio en exclusiva, e soen combinalos en función da súa dispoñibilidade e necesidades ao longo do ciclo anual. En condicións frías de inverno e durante grandes temporais é moi común que morcegos arborícolas usen refuxios propios de cavernícolas.

Nesta zona debido a escaseza de cavidades naturais as construcións humanas xogan un papel moi importante, polo que o seu estado de conservación debería ser óptimo para albergar morcegos.

 




Muiño da Retorta. Ideal como refuxio.

Inspeccionando coa axuda de endoscopio o interior da árbore, posible refuxio de morcegos.

 

Gran parte das especies de morcegos, utilizan os bosques para obter refuxio e alimento, por iso a importancia da protección deste entorno.

A diversidade de quirópteros forestais dunha zona está influída pola dispoñibilidade de recursos como alimento, refuxios ou auga, así como pola heteroxeneidade estrutural do hábitat. Polo que os morcegos forestais son bos indicadores da calidade estrutural do bosque; é dicir, a ausencia ou pouca abundancia destas especies en certos espazos naturais debe tomarse como un síntoma do pobre estado de conservación do bosque (Flaquer et al., 2007b).

As árbores poden conter unha gran variedade de refuxios para os quirópteros, estes refuxios consisten en ocos e fendas de diferentes tamaños e orientacións creados por diferentes axentes físicos e biolóxicos como son caída de raios, lumes, caída natural de árbores ou ramas destes, tamén a infección de fungos, ataques de insectos e furados de paxaros carpinteiros, por exemplo. Todos estes eventos prodúcense co paso do tempo, polo que nos bosques maduros son máis abondosos.

Os morcegos forestais teñen varios refuxios dispoñibles e poden cambiar de refuxio cada noite, dependendo da época do ano, das condicións meteorolóxicas, áreas de caza próximas, carga parasitaria, eventos de depredación.

Durante un estudio que se realizou no ENIL foi detectada presenza de morcegos nalgunhas construcións, pero non se atopou ningunha agrupación estival. En tres refuxios había morcegos solitarios, dous morcegos de ferradura pequenos Rhinolophus hipposideros e un morcego de orella fendida Myotis emarginatus. Ambas especies consideradas cavernícolas, están catalogadas como “Vulnerables” no Catálogo Galego de Especies Ameazadas (CGEA) e presentes no Anexo II da Lei 42/2007 -Directiva Hábitats (especies animais e vexetais de interese comunitario para cuxa conservación é necesario designar zonas especiais de conservación)

Durante este estudio tamén se detectaron diferentes especies de morcegos mediante técnica de ultrasons. No exterior do muiño da Retorta, durante as gravaciones realizadas durante o transecto, identificáronse exemplares en voo de Pipistrellus pipistrellus, que foi frecuente durante todo o transecto, no cal tamén foron identificadas Myotis sp. e Pipistrellus pygmaeus.

As especies do xénero Myotis detectadas en Galicia son 9, confirmamos o Myotis daubentonii, pois observamos individuos voando sobre o río na zona do río próxima a estación de redeo, esta especie aliméntase de insectos e outros invertebrados que están na superficie da auga ou voando sobre ela, posiblemente sexa moi comúns nas zonas de ribeira.

As especies que aparecen en máis puntos son Barbastella barbastellus, Pipistrellus pipistrellus, seguidas por Eptesicus serotinus, Pipistrellus pygmaeus e Nyctalus leisleri.

Pipistrellus pipistrellus é unha especie común e que aparece en moitos hábitats diferentes, Eptesicus serotinus e tamén bastante común en Galicia e frecuente en zonas rurais con mosaicos de bosques e prados, pero as outras tres están asociadas a medios forestais sendo este grupo e a súa presencia un bo indicador da diversidade de hábitats e o estado de conservación actual dos bosques autóctonos do ENIL.

En canto aos mamíferos temos un total de dez especies de mamíferos presentes no ENIL, destacando a presenza de Neovison vison, visón americano, que é unha especie invasora e de Galemys pyrenaicus, rato de almizcre, especie en incluída no Catálogo Galego de Especies Ameazadas como vulnerable. Os mamíferos que forman parte do ecosistema do ENIL son os seguintes;

 

capreolus capreolus

sus scrofa

sus scrofa

canis lupus

vulpes vulpes

lutra lutra

neovison vison

galemys pyrenaicus

oryctolagus cuniculus

mus musculus

rattus norvegicus