PARADELA 200 ANOS
A pandemia foi culpable de que Paradela non puidese celebrar no momento exacto os seus primeiros douscentos anos como Concello. Celébraos agora, coa consciencia e entusiasmo que a historia e a vida requiren, neste 2022 do que tanto se agarda de recuperación, estabilización, superación.
Paradela é un fito no Camiño Francés a Compostela, o que a lenda quere que siga por terra o Camiño que no ceo marca o REGUEIRO DE ESTRELAS da Vía Láctea; o que soñou Carlomagno no seu pazo de Aquisgrán; o que percorren desde hai máis de mil anos os que procedentes de toda Europa reafirman a súa fe, nas terras da fin do mundo, en Compostela.
Precisamente en terras de Paradela está o monólito que marca os 100 km. Á Capital de Occidente.
As celebracións dos 200 anos do Concello de Paradela, aprazadas no seu momento, coinciden con este alongado Xacobeo 2021-22, que tamén aquí é motivo de ledicia e festa.
O Concello de Paradela convídavos -urbe et orbe- a visitalo sempre e, tamén e especialmente, con motivo do seu primeiro Bicentenario como Concello.
José Manuel Mato Díaz
Alcalde de Paradela, Concello bicentenario
Exposición DO TEMPO DAS LUCES
Velaquí o primeiro achegamento á historia gráfica de Paradela e as súas xentes. O magnífico traballo de recolla da ASOCIACIÓN DE MULLERES DE PARADELA, presidida por Rocío Domínguez Brea, a achega de fondos gráficos municipais, a asesoría do GRUPO FOTOCINEMATOGRÁFICO FONMIÑÁ, e a organización do COLECTIVO EGERIA, fan posible que incorporemos esta senlleira exposición ás actividades que o Concello de Paradela promove nesta especial celebración do seu bicentenario.
Daquela -era mozo o século XX- nacía esta arte-ciencia da fotografía que permitiu gardar anacos de historia á que facía visible, deixando constancia documental gráfica, e por iso coidamos axeitado que con motivo deste especial aniversario mostrásemos imaxes de Paradela e da vida das súas xentes que reviven recordos, lembran persoas, divulgan actualidades que xa son historia, facendo historia colectiva e persoal, parcial pero excepcionalmente valiosa, da terra de Paradela.
Co especial agradecemento a quen prestou fotos, ás que as recolleron e agarimaron, ás institucións que fixeron posible esta mostra, e a todos os que no decurso do tempo fixeron grande e forte este concello, desexo para paradelenses e amigos que nos visiten o maior goce de todas as actividades que celebremos con motivo do noso primeiro bicentenario, agardando que esta publicación que fala dos nosos devanceiros e de nós mesmos, reforce o traballo do noso pobo polo progreso desta terra, e o goce diario de vivir nunha terra con historia, con traballo, con vida e con futuro.
Descargar catálogo da exposición (PDF)
En Prensa
El Concello de Paradela celebrará en 2022 su bicentenario con varios actos (El Progreso, 16/10/2021)
Paradela suma a su Feira de Ano del día 15 una exposición de clásicos (El Progreso, 04/05/2022)
La Feira de San Isidro contará con una muestra de 700 fotos de Paradela (El Progreso, 14/05/2022)
XXXI Feira de Ano e Festa de San Cidre (La Voz de Galicia, 15/05/2022)
Paradela lembra a súa xente e a historia local con 725 fotos antigas (El Progreso, 16/05/2022)
San Cidre se vuelve a celebrar (La Voz de Galicia, 16/05/2022)
El alcalde de Paradela demuestra cómo se lleva un carro de bueyes (El Progreso, 19/05/2022)
Paradela pone rostro a los vecinos de los últimos 200 años a través de 800 fotos (La Voz de Galicia, 23/05/2022) - Web
Paradela: 200 años (Blog de Paco Rivera, 25/05/2022)
© Concello de Paradela
Aviso Legal
GaliciaDigital, 2018-2021