• Galego
  • Español

Benvida da alcaldesa

Vostede está aquí

Benvidos/as a Paradela!

Son a Alcaldesa dunha terra acolledora, que sempre foi parada para as xentes que por aquí camiñaron desde os albores dos tempos, riquísima en árbores e augas, unha terra na que viven xentes respectuosas co medio ambiente, afeitas a compartir co viaxeiro a súa historia, a súa cultura e a súa vida. Especial presencia tiveron nesta terra os incontables peregrinos europeos que desde hai doce séculos pasaron por este fito do Camiño Francés distante 100 km. da Capital das terras do fin do mundo, Compostela.

En Paradela naceu a Orde dos Cabaleiros do Camiño de Santiago, e aquí brillaron mosteiros que nos integraron na medieval Rivoira Sacrata (hoxe Ribeira Sacra), e que foron luces da cristiandade na espesura dos bosques, fixeron medrar vides nas ribeiras bañadas por mares interiores e brotar viños que a lenda quere que por eles devecesen os emperadores romanos.

Como Concello libre e democrático vimos de celebrar os douscentos primeiros anos da nosa institución municipal, que reforzaron o noso papel de terra aberta que invita ao descanso e á vida en plenitude.

A través da nosa web compráceme dar a benvida dixital a quen a ela acceda, desexando que sexa preludio dunha visita que nos permita acollelos en albergues ou casas rurais, abrirlles as realidades físicas das terras de Paradela, facelos desfrutar de rutas de natureza, percorrer as beiras dos ríos desta pequena Mesopotamia e comprobar que somos terra acolledora para quen viaxa e destino perfecto para quen busque un lugar de paz e natureza, para levar unha vida diferente.

En Paradela temos máis de mil anos de experiencia en recibir viaxeiros que se transforman en amigos, douscentos anos de vida democrática e libre, e o desexo de demostrar que se levamos desde hai moitos séculos o nome de Paradela é precisamente pola nosa vocación de abrir as portas da nosa casa, de acoller ao visitante como un paradelense máis. Benvidos/as a Paradela!!!

María Montserrat Mulet Sar
Alcaldesa de Paradela

Paradela

Concello de Paradela