• 09 Aug 13

PRESÉNTASE UNHA EXPOSICIÓN ITINERANTE SOBRE MANUEL RODRÍGUEZ LÓPEZ, CO APOIO DA REAL ACADEMIA GALEGA E A SECRETARÍA XERAL DE POLÍTICA LINGÜÍSTICA

Inaugurouse na casa da Cultura de Paradela (Lugo) a exposición sobre a vida e obra de MANUEL RODRÍGUEZ LÓPEZ, Fillo Predilecto de Paradela, e do que leva o nome a Casa da Cultura. A exposición está composta por oito paneis dobres, de 2 x 1 metros, e recolle diversos aspectos da vida e obra do escritor paradelense, que escribiu a maior parte da súa obra en Catalunya, estando considerado o mellor poeta obreiro do século XX en Galicia.

 

O acto de inauguración da exposición celebrouse ás vinte horas do martes, seis de agosto, no salón de actos da Casa da Cultura, para a continuación visitar a exposición nos baixos da Casa da Cultura Manuel Rodríguez López.

 

Presidiron o acto o Presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero; o Secretario Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García, e o Alcalde de Paradela, Xosé Manuel Mato. E no transcurso do acto actuou o cantautor galego residente en Catalunya, Alfredo González Vilela, con cancións sobre poemas de Manuel Rodríguez, e interpretou pezas ao violín o neto do escritor, Carlos Rodríguez.

 

A exposición forma parte do PROXECTO MANUEL RODRÍGUEZ que GaliciaDigital e a familia do escritor emprenderon en 2012 co apoio do Concello de Paradela, Vicepresidencia da Deputación de Lugo, Secretaría Xeral de Política Lingüística (Xunta de Galicia) e o Concello de Lugo.

 

Este proxecto concretouse o pasado ano na confección do portal web www.manuelrodriguezlopez.org nos idiomas galego, castelán e inglés, e neste ano na versión en catalán da web e nesta exposición itinerante que comeza en Paradela para logo ser instalada en Lugo, Santiago e outras cidades.

 

A inauguración efectuouse en Paradela, no mes de agosto, precisamente como homenaxe aos emigrantes da bisbarra - Manuel Rodríguez López foi un emigrante en Catalunya, e a emigración inspirou a maior parte da súa obra- e aos peregrinos do Camiño de Santiago, que ten un fito importante en Paradela. En Lugo expoñerase coincidindo coas festas patronais do San Froilán.