• Galego
  • Español

EXPOSICIÓN SOBRE A VIDA E OBRA DE MANUEL RODRIGUEZ LOPEZ, FILLO PREDILECTO DE PARADELA

Vostede está aquí

O próximo martes, vaise inaugurar na Casa da Cultura de Paradela (Lugo) a exposición sobre a vida e obra de MANUEL RODRÍGUEZ LÓPEZ, Fillo Predilecto de Paradela, e do que leva o nome a Casa da Cultura.

 

A exposición está composta por oito paneis dobres, de 2x1 metros, e recolle diversos aspectos da vida e obra do escritor paradelense, que escribiu a maior parte da súa obra en Catalunya, estando considerado o mellor poeta obreiro do século XX en Galicia.

 

A exposición forma parte do PROXECTO MANUEL RODRÍGUEZ que GaliciaDigital e a familia do escritor emprenderon en 2012 co apoio do Concello de Paradela, Vicepresidencia da Deputación de Lugo, Política Lingüística (Xunta de Galicia) e o Concello de Lugo, e se concretou o pasado ano na confección do portal web www.manuelrodriguezlopez.org nos idiomas galego, castelán e inglés, e neste ano na versión en catalán da web e nesta exposición itinerante que comeza en Paradela para logo ser instalada en Lugo, Santiago e outras cidades.

 

A inauguración efectúase en Paradela, no mes de agosto, precisamente como homenaxe aos emigrantes da comarca - Manuel Rodríguez López foi un emigrante en Catalunya, e a emigración inspirou a maior parte da súa obra- e aos peregrinos do Camiño de Santiago, que ten un fito importante en Paradela. En Lugo expoñerase co gallo das festas patronais do San Froilán.

 

O acto de inauguración da exposición hase celebrar ás vinte horas do martes, seis de agosto, no salón de actos da Casa da Cultura para a continuación visitar a exposición nos baixos da Casa Manuel Rodríguez López.

 

Presidirán o acto o Presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero; o Secretario Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García, e o Alcalde de Paradela, Xosé Manuel Mato. E no decurso do acto actuará o cantautor galego residente en Catalunya, Alfredo González Vilela, con cancións sobre poemas de Manuel Rodríguez e interpretará pezas ao violín o neto do escritor, Carlos Rodríguez.